PONTEVEDRA> A intervención no Teatro Principal de Pontevedra será maior da inicialmente prevista. Tras examinar o estado da construción, o concello reconstruirá por completo todo o teito do patio de butacas, incluíndo estruturas ocultas, reflectores de son e iluminación. Ademais, empregarase madeira en lugar de escaiola. Esta actuación suporá un incremento no orzamento, aínda sen pechar. Polo de momento, mantense a previsión de reabrir o teatro en outubro.
A madeira é finalmente o material elixido para reconstruír o teito do Teatro Principal de Pontevedra.
As obras de emerxencia comezaron trala caída dunha parte do falso teito pero o inicio dos traballos sinalan que as deficiencias son máis graves do previsto. De feito será preciso reconstruír todo o teito do patio de butacas.
Tamén terán que substituírse os traveseiros brancos de madeira do teito que tiñan funcións acústicas e cuxas suxeicións non cumpren coa normativa de seguridade actual. Ademais, substituiranse todas as estruturas ocultas danadas, instalaranse novos reflectores de son e renovarase a iluminación.
O que aínda está por determinar é cal será o futuro das butacas.
Estes imprevistos suporán tamén un incremento aínda por determinar do orzamento inicial, que estaba fixado nuns 250.000 euros. En canto aos prazos, o concello confía en que o Teatro poida recuperar a actividade en outubro deste ano.











