Iván Puentes repetirá como candidato do PSdeG á alcaldía de Pontevedra

PONTEVEDRA> Iván Puentes volverá encabezar a candidatura do Partido Socialista á alcaldía de Pontevedra nas eleccións de 2027. O actual secretario xeral e portavoz local foi proclamado de xeito unánime, despois de que a súa fora a única candidatura rexistrada. Puentes asegura que se presenta coa ilusión de poder liderar o goberno pontevedrés, nunhas eleccións que, di, chegan nun escenario profundamente aberto.

Non houbo sorpresa e finalmente a de Iván Puentes foi a única candidatura presentada para encabezar a proposta do Partido Socialista para facerse coa alcaldía de Pontevedra nas próximas eleccións do 2027.

O actual secretario xeral e portavoz local da formación presentou a súa candidatura esta mañá, arroupado polo grupo municipal socialista. Puentes apuntou que o seu é un proxecto colectivo.

Para o socialista será a primeira vez que encabece unha candidatura despois de completar un mandato enteiro á fronte do grupo municipal. Unha vivencia que, asegurou, sírvelle para presentar un proxecto para a cidade baseado na experiencia.

Agora Iván Puentes asegura que asume esta nova etapa con responsabilidade e ilusión. Apuntou que as enquisas amosan unha evolución favorable ao PSOE e asegurou que o escenario político na cidade está máis aberto.

En canto á composición da listaxe electoral, adiantou que manterá como base o actual grupo municipal. Aínda que recoñeceu que se incorporarán novos perfís para renovar o proxecto.