Manuela Pérez toma o relevo de Manuel Ruíz na corporación ribeiresa

manuelaperez_100_311006.jpgRIBEIRA > A nova concelleira do PP, Manuela Pérez Carreira, tomou posesión do seu cargo.

Con este recente nomeamento vense cubrir a vacante deixada polo ex-edil Manuel Ruíz que presentou a súa demisión hai uns meses para dedicarse en exclusiva ás súas tarefas como deputado autonómico.

No transcurso da sesión plenaria, abordáronse ademais outros puntos incluídos na orde do día como a modificación das ordenanzas fiscais para 2007 que experimentan unha suba do 2’9 por cento equivalente ó IPC. O BNG votou en contra da suba alegando que a calidade do servizo non é a axeitada pero a modificación foi aprobada cos votos a favor do PP e a abstención do PSOE e IPdeR.

A corporación procedeu tamén á aprobación das anualidades do gasto plurianual, correspondente ós 399 mil euros da remodelación da praza do concello, cos votos en contra de PSOE e BNG e a abstención de IPdeR.

Maior debate xerou a aprobación da permuta dunha parcela de titularidade municipal ubicada en Xarás cunha parcela propiedade da empresa Frinsa del Noroeste S.A. para a ampliación das instalacións deportivas da Fieiteira. A oposición criticou o feito de que o concello recurre con demasiada frecuencia ó método da permuta- Pola súa banda, o executivo entende que é un acordo que beneficia ás dúas partes implicadas. Finalmente, o proxecto saíu adiante cos votos a favor de tódolos grupos a excepción do BNG que se abstivo da votación. Os concelleiros tamén debateron a permuta da edificabilidade do concello nunha parcela na Avenida de Lugo por outra finca na zona da Fieteira. Nesta ocasión, o executivo non contou co respaldo da oposición polo que tivo qu e aprobar o acordo cos únicos votos do PP, a aabstención de IPdeR e e negativa de socialistas e nacionalistas.

Durante a sesión procedeuse tamén ó debate de varias mocións presentadas polos distintos grupos, tales como a relativa ó traslado do buque Sunny Jane ó porto de Ribeira. Os populares consideran que esta decisión vén ratificar o trato discriminatorio que Portos de Galicia ten co seu concello. Neste sentido, lembran o coboro de taxas abusivas polo ocupamento da zona portuaria, o peche transversal da dársena e o retraso na ampliación do porto exterior. Os populares entenden que o ente autonómico debe rectificar as súas decisións e, de non ser así, porceder ó cesamento do seu presidente. PP e IPdeR votaron afirmativamente en contra da negativa de PSOE e BNG. A corporación aprobou tamén outra moción presentada polo Partido Popular, coa única abstención dos socialistas, en relación á limpeza na zona portuaria que debe acometerse con máis frecuencia posto que está a ocasionar prexuízos ó sector.

A pesar de que estaban incluídos un total de vinte puntos na orde do día, a falla de tempo obrigou a finalizar a cesión no debate da duodécima proposta formulada por IpdeR en relación á necesidade dunha actuación de mellora na Avenida de Ferrol. Tódolos grupos aprobaron por unanimidade a dotación de mobiliario urbano e a habilitación máis zonas verdes nos seus arredores.

Redacción Barbanza