Amas de Casa de Ribeira inaugura a VI Mostra Cultural Aires de Dorna

RIBEIRA> Inaugurada en Ribeira a sexta edición da Mostra Cultural Aires de Dorna da asociación das Amas de Casa do municipio. A exposición recolle traballos de labores artesanais elaborados por máis de 200 alumnos que participan nos talleres que desenvolve a entidade ó longo do ano.

A asociación das Amas de Casa de Ribeira, unha das máis numerosas e lonxevas do municipio, pode presumir de manter vivas as tradicións a través de cursos de vainica, bordado, costura e outros labores artesanais elaborados polos seus alumnos. Unha mostra destas pezas pode visitarse xa no museo municipal de Ribeira que acolle a sexta edición do Certame Cultural Aires de Dorna.

A inauguración tivo lugar este mediodía coa asistencia de numerosos socios e alumnos así como membros da corporación municipal coa alcaldesa á fronte quen destacou a importancia de manter vivo o legado dos nosos devanceiros e poñer en valor o talento destes artesáns ribeirenses que elaboran a man creacións únicas.

A exposición permanecerá no segundo andar do museo municipal ata o 15 de setembro, compartindo espazo coa coleccións de bonecas vestidas con traxe tradicional cedidas pola anterior presenta, Magdalena Bringas. Os interesados poderán visitala de luns a venres en horario de dez a dúas mentres que os sábados permanecerá aberta entre as doce e as dúas.