A ILLA> O sector do marisqueo tamén intenta recuperar pouco a pouco a normalidade. Despois do parón provocado pola pandemia do coronavirus, hoxe as mariscadoras do Grove, A Illa, Vilanova e Cambados volveron faenar ás praias. Manter as distancias de seguridade e as máscaras son as súas ferramentas para evitar os contaxios. Ademais, volven coa incertidume sobre como acollerá o mercado o seu produto.
Esta estampa volver marcar a imaxe das praias da ría de Arousa. Tralo parón na actividade provocado pola crise do COVID-19, as mariscadoras intentan dende hoxe volver pouco a pouco á normalidade.
Volven ao traballo de xeito experimental, intentando tomar medidas que axuden a previr os contaxios. Por iso as máscaras súmanse aos seus apeiros para mariscar. Tamén terán que gardar a distancia de seguridade entre elas.
A pesares disto, retomar a actividade é para moitas unha necesidade. Non saben como se comportará o mercado co seu produto, pero as súas economías non podían soster máis tempo o parón.
Ante esta incertidume, denuncian ademais o abandono por parte das administracións.
Esta desescalada no sector marisqueiro continuará durante esta semana. Está previsto que o mércores e o xoves saian faenar os rañeiros, tal e como acordaron as confrarías que forman parte de Rañeir@s Ría de Arousa. Deste xeito pretenden evitar a saturación do mercado.