POBRA> Ante esta grave crise sanitaria son moitas as empresas da zona que apostan polo teletraballo. É o caso de Salica, na Pobra, que ademais de facilitar o traballo dende a casa reduciu o persoal por quendas para garantir a distancia de seguridade.
Toda medida é necesaria para minimizar o risco de contaxio. Por esta razón, moitas empresas do Barbanza están a facilitar o teletraballo de tódolos postos nos que sexa posible. É o caso de Salica, empresa de alimentos conxelados radicada no polígono da Tomada na Pobra. Segundo explicou o seu director, Antonio Pichel, todo o persoal administrativo traballa dende casa.
No que respecta á planta reduciuse a produción entre un vinte e cinco e un trinta por cento. Optouse por flexibilizar os turnos, limitando o número de persoal en cada quenda para poder manter a distancia de seguridade polo que cada traballador exerce a súa actividade e dous metros do outro. Sen embargo, esta drástica baixada produtiva non está a repercutir tan negativamente na facturación posto que ó tratarse dunha empresa de alimentación seguen a rexistrar unha gran demanda, especialmente das grandes superficies que precisan abastecerse.
Por outra banda, tamén reforzaron o servizo de limpeza con tarefas de desinfección en tódalas instalacións, con especial fincapé en áreas como o comedor. A empresa xa contaba cunhas normas moi estritas en materia de hixiene, tal e como establece a normativa para o sector alimentario. Aínda si aumentou o tempo e a frecuencia da limpeza para reducir as posibilidades de contaxio.