Cambados denuncia o bulo das suspostas picadas nos concertos de Fefiñáns

CAMBADOS> Concello de Cambados, Garda Civil, Deputación e xerencia da área sanitaria de Pontevedra o Salnés desmenten os rumores que alertaban sobre preto de 10 rapazas feridas por picadas nas festas do Albariño. Segundo informaron dende os centros sanitarios, os casos atendidos tiñan que ver na súa maioría con lipotimias e baixadas de tensión. Piden á cidadanía que non fomente os bulos e que acudan sen medo ás festas do Albariño.

As alarmas saltaron este martes nas festas do Albariño de Cambados e polas redes sociais debido a unhas supostas picadas que estaban a sufrir diferentes rapazas durante os concertos de Fefiñáns. Unha información que é completamente falsa. Así o quixeron matizar as forzas de seguridade, a xerencia da área sanitaria e as diferentes administracións.

Segundo explican dende a xerencia da área sanitaria, as preto de dez rapazas que necesitaron asistencia foi debido a lipotimias e baixadas de tensión. Nin nos centros médicos da comarca nin no hospital do Salnés se atendeu a ningunha persoa por recibir unha picada.

Tamén dende as forzas de seguridade advirten que non rexistraron ningunha denuncia por este motivo.

O medo ante os desmaios e a información falsa casou o pánico nos concertos de Fefiñáns. Moitos pais e nais sacaron ao seu concerto do evento e moitas rapazas decidiron abandonalo, algunhas incluso con cadros de ansiedade. Dende as administración piden que non se compartan noticias falsas sen contrastalas.

Dende o concello de Cambados matizan que non é perigoso acudir as festas do Albariño. Na xunta de seguridade estableceuse un protocolo para actuar coa máxima celeridade en caso dunha agresión machista para protexer ás vítimas. Cun punto morado e ata 30 establecementos formados para colaborar con calquera persoa que se sinta asustada ou que sufra calquera agresión.

Ademais do punto morado, dende o concello tamén matizan que Cambados conta cun alto despregue de forzas de seguridade. Tanto a Garda Civil como a policía local ampliaron os seus efectivos para velar pola seguridade nas festas, no caso dos municipais, tamén contan coa colaboración da policía de Vilagarcía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí