Boiro acolle unha xornada técnica sobre viño con profesionais de toda Galicia

BOIRO> O concello de Boiro arrancará a próxima semana tendo como protagonista o viño. O luns 15 desenvolverase no Lab Barbanza de Espiñeira unha xornada técnica para profesionais baixo o título ‘Experiencias Boviño’. Xa o martes terá lugar un encontro das Indicacións Xeográficas Protexidas no Pazo de Goiáns.

Dez adegas de toda Galicia darán a coñecer os seus proxectos no Encontro Experiencias Boviño que se celebrará o próximo luns día 15 no Lab Barbanza do Centro de Formación de Espiñeira. Na xornada, dirixida a profesionais da hostalería e o turismo, participarán máis de 80 empresas do sector que terán ocasión de aprender e compartir experiencias.

Os encontros , organizados pola Pousada Producións contan co financiamento da Deputación da Coruña e o apoio do concello de Boiro, O alcalde destacou a gran calidade dos viños da IXP Barbanza e Iria así como a necesidade de seguir a promocionalos a través de eventos profesionais..

Ademais desta xornada técnica, o martes terá lugar un encontro aberto ó público no Pazo de Goiáns sobre as Indicacións Xeográficas Protexidas de toda Galicia no que se realziará a cata e comentario dos distintos viños das IXP.