O SALNÉS> A Mancomunidade do Salnés ten preparado xa o proxecto para a reforma do que será o futuro Centro Loxístico Multiservizos. Trátase dunha infraestrutura estratéxica para a comarca que aglutinará distintos servizos mancomunados, como o parque de maquinaria ou espazos formativos. A transformación desta nave, situada no polígono de Sete Pías, está orzamentada en 600.000 euros. O organismo comarcal acaba de conseguir unha axuda da Xunta pola metade dese importe.
Este será o futuro Centro Loxístico Multiservizos do Salnés. Un proxecto estratéxico para a Mancomunidade que xa está preparado para converterse en realidade. O organismo comarcal conta xa coa proposta para a reforma da nave de 2.400 metros cadrados que adquiriu no polígono de Sete Pías. Nela concentraranse distintos servizos mancomunados.
A posta en marcha deste Centro Loxístico permitirá importantes avances noutras prestacións clave para o futuro.
A reforma desta nave está orzamentada en algo máis de 600.000 euros. A metade dese orzamento vaino aportar a Xunta, a través dunha achega que acaba de conseguir a Mancomunidade.
A operación de compra desta nave supuxo un desenvolso de 700.000 euros por parte da Mancomunide, que van financiar a través do canon que lle van cobrar á empresa que está a instalar a rede comarcal de coches eléctricos durante 20 anos. Pero este centro loxístico suporá un importante aforro, en servizos que ata o momento están espallados en distintas instalacións.
A previsión da Mancomunidade é arrancar estes traballos o antes posible co obxectivo de culminar a reformar antes de que remate o ano.











