MEAÑO> A agricultura ecolóxica biointensiva ábrese paso como unha nova oportunidade laboral nas Rías Baixas. Trátase dun modelo sostible que busca a autosuficiencia dos cultivos. Estes días, en Meaño, alumnado do Plan Integrado de Emprego da Mancomunidade do Salnés fórmanse nesta materia. Teñen claro que o futuro do campo pasa por volver ás orixes e saber mimar a terra que nos dá de comer.
Este grupo de mozos e mozas ten claro que o futuro pasa por volver ás nosas orixes. Eles compoñen o grupo que estes días está formándose en Meaño en agricultura ecolóxica biointensiva. Un modelo que aposta pola sostibilidade e o aproveitamento da terra.
O alumnado forma parte do programa integrado de emprego da Mancomunidade do Salnés. Durante estes días fórmanse nun tema que non lles resulta alleo. É o que sempre fixeron nas súas casas as xeracións anteriores.
A través deste curso, o alumnado aprende a levar a cabo un coidado integral da horta, completando o ciclo produtivo dun xeito respectuoso. Unha nova visión do agro que abre tamén moitas portas laborais.
E atopen ou non traballo disto, o alumnado explícanos que -xa de entrada- é unha formación que poden aplicar á súa propia vida.
En total son seis os alumnos que participan nesta acción formativa, que ten unha duración de 30 horas.
Ademais deste curso que se está a celebrar en Meaño, nestes momentos a Mancomunidade tamén está impartindo outro de contabilidade financeira. No mes de xuño será a quenda do de eleboración de viños, dixitalización documental e fotografía e prevención de riscos laborais.











