A sanidade, o emprego e a educación, as tres liñas do BNG no Parlamento galego

PONTEVEDRA> Luís Bará compareceu esta mañá en rolda de prensa para anunciar as liñas de traballo que marcarán o vindeiro curso político. Un curso que se poñerá en marcha a vindeira semana e na que o BNG liderará a oposición no Parlamento. A sanidade, o emprego e a educación serán os tres piares dos nacionalistas.

O Parlamento galego arrancará a vindeira semana un novo curso político, o cal estará marcado pola pandemia da Covid e polos resultados das últimas eleccións autonómicas. Uns resultados que situaron ao BNG como líder da oposición.

O emprego e a sanidade serán os dous dos grandes piares que marcarán o traballo parlamentar do BNG. En canto á sanidade, os nacionalistas terán tres obxectivos: reforzar a atención primaria, realizar probas masivas de detección dos contaxios de coronavirus e elaborar un Plan de atención ás residencias de persoas maiores.

Nos obxectivos do BNG non podía faltar a educación. Luís Bará criticou hoxe a actitude que está a adoptar a Xunta de Galicia neste sentido e pediu que se realice un protocolo claro e coordinado con toda a comunidade educativa.

Centrándose en Pontevedra, Luís Bará asegurou que o seu partido trasladará todas as demandas da nosa comarca ao Parlamento galego. Demandas como a construción do centros de saúde de Poio e do Gran Montecelo, a reforma integral da residencia de Campolongo ou a mellora do Avelino Montero. Neste eido, o nacionalista anunciou que o BNG comezará a vindeira semana unha rolda de contactos con diferentes axentes sociais, económicos e institucionais para coñecer as súas necesidades.