PONTEVEDRA> Pontevedra está decidida a ter os mellores cidadáns caninos de toda Galicia. O concello, da man do club Diverticans, organizan un curso dirixido a mellorar a convivencia entre cans e persoas. Será gratuíto, semanal, e comezará o vindeiro 9 de setembro. Hai 20 prazas dispoñibles.
Mellorar a convivencia entre cans e persoas é o obxectivo da iniciativa posta en marcha polo concello de Pontevedra e o club Diverticans da cidade.
Esta formación dá un paso máis na campaña de concienciación posta en marcha en xuño para fomentar a recollida das deposicións dos cans nos espazos públicos. Trátase dunha actividade semanal, grauíta e que comezará o vindeiro 9 de setembro, na que a clave será a comunicación.
Aceptar a unha persoa descoñecida, camiñar xuntos, pasear entre persoas ou a resposta á chamada, son algúns dos aspectos nos que traballarán cans e donos.
O curso será semanal: celebrarase durante catro meses todos os xoves en dous horarios, entre as 8 e as 9 da tarde e entre as 9 e as 10, con dez prazas dispoñibles en cada quenda. Para participar haberá que estar censado en Pontevedra e o can terá que ter entre 8 meses e tres anos, estar chipeado, coa carta sanitaria de vacinación e desparasitación ao día, superar unha entrevista previa de conduta canina e, por limitacións da lexislación actual, non ser das razas consideradas potencialmente perigrosas.