Admitida a trámite unha querela contra o alcalde de Ribeira por prevaricación administrativa

RIBEIRA> O Xulgado de Instrución Número 1 de Ribeira admitiu a trámite a querela presentada por Suma Ribeira por un presunto delito de prevaricación administrativa. Denuncian a contratación irregular dun arquitecto a pesar dos reparos dos informes de secretaría e intervención.

Tras esgotar a vía política, con interpelacións en pleno e a presentación de diversos escritos, Suma Ribeira presentaba o pasado 5 de abril unha denuncia polas presuntas irregularidades cometidas na contratación dunha asistencia técnica para o departamento de urbanismo na modalidade de contrato menor.

A pesar dos reparos dos informes de secretaría e intervención, o contrato formalizouse en 2020 comezando o arquitecto a prestar servizos no concello en novembro dese mesmo ano. Servizos que continúan na actualidade e polos que percibe 1500 euros mensuais.

O Xulgado notificaba este venres a apertura de dilixencias pasando a figurar tanto o alcalde como o arquitecto en calidade de investigados.

Pola súa banda, o alcalde ribeirense defendeu a legalidade da contratación que se realizou co fin de garantir o funcionamento do departamento de Urbanismo ante a carencia de persoal. Afirma, ademais, Manuel Ruíz sentirse moi doído no persoal ante a primeira querela á que debe facer fronte tres 36 anos en política.

Ruíz defende a legalidade do procedemento ó terse realizado como obra menor e indicou que finalizará no momento en que se incorpore o arquitecto técnico con praza no concello. Aínda así, entende que se os responsables de Suma Ribeira detectaron irregularidades administrativas debería ter acudido á vía administrativa e non penal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí