RIBEIRA> Co gallo da celebración do Día da Saúde Mental, a asociación A Creba organiza un concurso de relatos breves en colaboración co concello de Ribeira. Haberá diversas categorías para mozos e adultos que deberán abordar a temática da saúde mental dende diferentes puntos de vista.
A saúde mental será a temática do I Concurso de Relatos Breves Ecos da Mente que convoca a asociación A Creba en colaboración co concello de Ribeira. Ademais de conmemorar o día mundial da Saúde Mental que se celebra o 10 de outubro, pretenden con esta iniciativa implicar á mocidade e coñecer o seu punto de vista nesta complexa problemática.
Ademais de convidar ós centros educativos poderase participar tamén no certame de xeito libre, nas distintas categorías para mozos e adultos. Haberá premios para os gañadores en cada unha delas consistentes en vales de compra e lotes de artesanía da asociación.
O prazo para a presentación rematará o 16 de outubro e a entrega de premios realizarase o día 25. Os traballos non deberán exceder as mil palabras incluíndo o título. Os interesados poderán consultar as bases na páxina web do concello de Ribeira e da asociación A Creba.











