A Garda Civil desartella unha banda internacional que distribuía tabaco ilegal

BARBANZA> A operación, denominada Alecrín, levouse a  cabo de forma conxunta polos corpos de seguridade de España e Portugal, coa colaboración tamén das policías de Romanía, Eslovaquia e Ucrania. En total detivéronse a 29 persoas.

Baixo a dirección do Xulgado de Instrución nº 2 de Padrón, e coordinado pola Unidade Central Operativa da Garda Civil, a UCO, desenvolveuse esta operación denominada ‘Alecrín’, na que tamén colaboraron corpos de seguridade de Portugal, Romanía, Eslovaquia e Ucrania.

O operativo permitiu desartellar a unha organización criminal internacional dedicada á produción ilícita de tabaco e á súa distribución, así como tamén ó branqueo de capitais.

Segundo informaron fontes do propio Instituto Armado detivéronse a un total de 29 persoas, e interviñéronse máis de dous millóns de euros en efectivo, así como tamén  unhas 51 toneladas de folla de tabaco e ó redor duns dous millóns de paquetes de tabaco cun valor de preto dos dez millóns de euros.

Tamén se interviñeron varios vehículos lixeiros e pesados, armas de fogo e diversa maquinaria para a fabricación dos cigarros, polo que a fraude estimada en impostos podería ascender a máis de 10 millóns de euros.

O Xulgado decretou prisión sen fianza para 9 dos 29 detidos, procedendo ademais ó bloqueo dos activos que estarían presuntamente adquiridos ou vinculados á actividade ilícita.