O BNG de Ribeira pide unha investigación sobre a orixe das verteduras recorrentes na rede municipal

RIBEIRA> O BNG de Ribeira volve denunciar as constantes verteduras á ría que se rexistran en varios puntos do municipio. Piden ó concello que abra unha investigación para determinar as causas dos episodios contaminantes que se deron nas últimas semanas tanto nos Mosqueiros como en Coroso.

A través dunha iniciativa que veñen de rexistrar no concello, os nacionalistas de Ribeira demandan unha solución ó problema das verteduras que se rexistran con frecuencias en varios puntos da rede. A zona dos Areeiros e as praias dos Mosqueiros, en Castiñeiras, e Coroso, en Ribeira, son algunhas das zonas máis afectadas con verteduras recorrentes como esta que hai tan só uns días se rexistraba na zona do río do areal ribeirense.

Demandan que os servizos técnicos do concello abran unha investigación para determinar a orixe dos vertidos para poñer solución ás posibles deficiencias que presente a EDAR.

Ademais do problema medioambiental que supón a vertedura de augas residuais ó mar denuncian os graves prexuízos que pode ocasionar ós bancos marisqueiros da zona.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí