BARBANZA> Un ano máis, Barbanza Arousa volverá a poñer en marcha a súa ruta gastronómica ‘Máis que Tapas’.
A finalidade dela volve a ser a mesma que en edicións anteriores, apoiar o sector hostaleiro nun período do ano no que a afluencia de visitantes adoita ser menor.
Segundo explicou o presidente da entidade a ruta desenvolverase ó longo de todas as fins de semana de novembro, arrancando xa esta semana en Rianxo.
En canto á participación, dende a organización apuntan a que roldará os 60 locais, sumando os catro concellos.
A Ruta virá este ano cargada de importantes novidades. Unha delas afectará ó peto, xa que o prezo da tapa aumenta tras moitos anos conxelado.
Outra das novidades serán os sorteos. Cada cliente co seu ticket da consumición poderá xogar na ruleta e obter premios directos.
Como en anos anteriores o público poderá tamén votar polas súas tapas favoritas a través dun sistema de códigos QR nos carteis que estarán dispoñibles nos propios establecementos participantes











