POBRA> A Garda Civil detivo a un veciño da localidade acusado dos delitos de incendio, ameazas e invasión de morada. Os axentes considérano o suposto autor do incendio rexistrado a finais de maio no rocho dun edificio na urbanización O Lagar.
A Garda Civil procedeu á detención dun pobrense, de 48 anos, acusado dos delitos de incendio, ameazas e invasión de morada. Os feitos investigados remóntanse a finais de maio, data na que se rexistraba un incendio nun rocho nun edificio na urbanización O Lagar. Segundo fontes policiais o detido, despois de manter unha violenta discusión cun familiar, queimou un colchón no rocho situado no garaxe comunitario do edificio. A consecuencia do lume, un total de nove vehículos resultaron afectados, ademais dos danos rexistrados no propio inmoble a consecuencia da mesta fumareda provocada polas lapas. O prendido, que xa contaba con numerosos antecedentes, xa se atopa en prisión, despois de que o titular do Xulgado número 3 de Ribeira decretase o seu ingreso sen fianza.