NOIA> Con estas tres últimas detencións a Garda Civil de Noia dá por desartellados os dous grupos delitivos que dende o pasado mes de agosto viñan xerando unha gran alarma social na vila, principalmente no sector do comercio e a hostalería, ó ser estes os principais brancos das súas falcatruadas.
O operativo policial, dentro da denominada operación Letimovil, deu como resultado, nunha primeira fase, a detención de seis persoas, acusadas dun total de 21 delitos de roubo.
No transcurso da segunda fase desta investigación, hai uns días, os axentes lograron sorprender ‘in fraganti’ a unha muller cando cometía un roubo nunha perruquería da vila.
Esta detención propiciou outras dúas detencións máis. Segundo informaron fontes do Instituto Armado trátase de vellos coñecidos das forzas da orde, con numerosos antecedentes por feitos similares.
Nesta ocasión atribúenselles alomenos un total de oito delitos de roubo, aínda que a Garda Civil ten sospeitas de que poderían estar relacionadas con doutros doce máis.
Durante os rexistros realizados nos seus domicilios atopáronse varios dos obxectos subtraídos nos roubos así como tamén unha gran cantidade de diñeiro en efectivo.
Para un dos tres prendidos, o Xulgado de Instrucción Número 1 de Noia, que é quen instrueu a causa, decretou o seu ingreso inmediato en prisión.