Portos mantén unha reunión de traballo para analizar o desenvolvemento das obras de instalación dos pantaláns para mexilloeiros

BOIRO> O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, visitaba esta mañá o peirao de Cabo de Cruz, en Boiro. A finalidade da visita non era outra que manter un encontro de traballo co fin de analizar o óptimo desenvolvemento das obras de instalación de novos pantaláns para embarcacións mexilloeiras. Un proxecto de gran envergadura no que o ente autonómico inviste uns seis millóns de euros.

Coñecida xa o nome da empresa que realiza a obra de instalación de pantaláns para as embarcacións bateeiras, a UTE Amilibia-Ronáutica-Aister, e coa finalidade de analizar aqueles aspectos xerais do desenvolvemento das obras con representantes municipais, da Confraría e da propia firma adxudicataria, o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, desprazouse ata Cabo de Cruz. Con esta xuntanza pretendíase tamén mitigar os posibles problemas que puideran xurdir unha vez que o proxecto foi revisado e modificado con axustes técnicos para a súa actualización.

O alcalde, Xoán Xosé Dieste, destacou a importancia das obras que suporán a creación de 139 prazas de amarre para barcos mexilloeiros, coas que se salda tamén unha débeda histórica con este porto.

As obras, cun investimento duns seis millóns de euros, prolongaranse durante un período duns dezaseis meses.