A Pobra renova o seu compromiso con Victoriano García Martí nun novo ciclo sobre o escritor

A POBRA> O concello da Pobra celebrará esta fin de semana diversas actividades no marco do Ciclo Victoriano García Martí. Ademais da tradicional ofrenda cívica terá lugar unha lectura pública de textos e a presentación dunha edición facsimilar dunha novela do escritor pobrense.

A Actuación do grupo de música tradicional ‘Os Caraveiros’ marcará o inicio este venres do ciclo de actividades en homenaxe ó escritor pobrense Victoriano García Martí. Tras percorrer as principais rúas e prazas da vuila darán paso á ofrenda cívica que terá lugar ante o busto do autor na praza que leva o seu nome.

Xa o sábado terá lugar unha lectura pública de textos do autor, a partir das sete da tarde no museo Valle-Inclán. A continuación presentarase a edición facsimilar da novela ‘Una más’ coa intervención do crítico literario Xesús Laíño.

Con este ciclo, o concello da Pobra renova o compromiso adquirido hai cinco anos coa figura do xenial escritor, fillo predilecto da Pobra, a través do Museo Valle-inclán, depositario dos fondos manuscritos, bibliográficos e fotográficos cedidos pola familia.