Chamamento da CIG a secundar a folga xeral e participar nas mobilizacións das Rías Baixas

PONTEVEDRA> A CIG quenta motores en Pontevedra para a folga xeral deste mércores. A central nacionalista fai un chamamento a participar na mobilización prevista para as 12 do mediodía, con saída da praza da Ferrería. Ademais de poñer o foco na crise da vivenda, reclaman un plan de choque para frear o encarecemento da vida ou a precariedade salarial.

A escasas horas da xornada de folga xeral, prevista para este mércores, a CIG fai un chamamento á cidadanía a secundar o paro e participar nas mobilizacións que acollerá a cidade de Pontevedra. A central nacionalista partirá ás 12 do mediodía da praza da Ferrería baixo o lema  ‘Galiza en loita por unha vida digna’. O Comité Unitario de Folga, dentro do que se integran sindicatos como CCOO, UXT e CUT e Acampada de Pontevedra, sairán ás 11 dende a Peregrina.

A central nacionalista, xunto con outros colectivo tamén se sumarán á manifestación convocada para o mércores ás 20 horas polo Colectivo da Vivenda de Pontevedra. Entre eles, a asociación estudantil Érguete, que fai un chamamento á mocidade a sumarse ás dúas protestas.

Por outra banda, a CIG anunciou que impugnará os servizos mínimos decretados este luns pola Xunta para a folga, por consideralos abusivos.

No caso da empresa privada, aseguran dende a CIG, hai sectores nos que se agarda unha gran resposta. En Pontevedra poñen como exemplo empresas do polígono do Campiño, abocadas -din- a ter que paralizar case por completo a súa actividade.