PONTEVEDRA> Pontevedra estrea o seu primeiro parque de actividade física deportiva. A instalación xa está aberta ao público á beira do Lérez, na antiga parcela de Tafisa. Aquí calquera persoa poderá exercitarse e traballar cos diferentes aparellos que forman esta área da Ponte dos Tirantes, das máis avanzadas do mercado.
A área da Ponte dos Tirantes xa está operativa. Trátase dun parque de actividade física deportiva, o primeiro que se instala na cidade de Pontevedra.
Dende o concello explican que se optou por un provedor de máxima calidade, con pezas de alta duración e solidez, antivandálicas e pensadas para ofrecer a mellor experiencia aos usuarios.
A súa localización definitiva non é casual. Trátase dunha zona moi utilizada por todo tipo de deportistas, tanto individuais como de equipos. Agora poderán aproveitar estas novas instalacións.
Os distintos elementos contan con varios códigos QR que engaden funcións extras, como seguimento e exemplo de actividades. Polo que permiten exercitarse de xeito correcto.
Dende o concello explican que se trata do primeiro parque deste tipo que se instala en Pontevedra pero non desbotan que poidan seguirlle máis noutros puntos da cidade, en función da demanda que teñan estas instalacións da área da Ponte dos Tirantes.











