Pontevedra reserva case 2.000 metros cadrados do futuro parque da Parda para o demandado skatepark

PONTEVEDRA> Un skatepark sumarase aos equipamentos do futuro parque da Parda, en Pontevedra. O concello presentou esta mañá o proxecto, que reserva para esta instalación unha superficie de 1.170 metros cadrados. Cun investimento estimado duns 200.000 euros, a previsión é que a infraestrutura estea operativa antes do verán, respondendo así a unha demanda histórica dos skaters. A intención do goberno local é que o skatepark estea preparado para albergar competicións de pequeno formato.

O parque da Parda é a nova localización escollida para o futuro skatepark de Pontevedra. Un proxecto co que se atende unha vella demanda do colectivo de skaters da cidade.

A instalación ocupará unha superficie de 1.170 metros cadrados, e localizarase na zona sur do que será o maior parque urbano da cidade. Contará con dous espazos principais adaptados aos diferentes niveis de aprendizaxe, unha zona de street de 750 metros cadrados e outra de competición de 350.

O proxecto buscou que o skatepark estea integrado tanto a nivel estético como topográfico no parque urbano utilizando materiais resistentes e de calidade como formigón, granito e metal.

A obra tramítase mediante unha modificación do orzamento do parque urbano da Parda, cun custo estimado de 200.000 euros. A previsión é que a instalación estea rematada e en funcionamento antes do próximo verán.