PONTEVEDRA> En Pontevedra, comezan os traballos de retirada dos muros de formigón do caixón do río Gafos. As obras de renaturalización avanzan e está previsto que a vindeira semana se inicie a colocación da pedra de perpiaño nas marxes. Tamén arrancou esta semana o traslado do parque infantil; actuación que se aproveitará para mudar o pavimento actual por un ecolóxico de cuarzo.
Avanzan as obras de renaturalización do Gafos. Os traballos céntranse agora na retirada dos muros de formigón do caixón do río.
Para facilitar esta actuación, a empresa responsable dos traballos optou por empregar o antigo colector de augas residuais como canle provisional para canalizar o río e poder traballar con seguridade no interior do caixón de formigón.
A dirección de obra iniciará a vindeira semana a colocación da pedra de perpiaño en ambas marxes para garantir a estabilidade dos noiros tras a demolición do muro lateral da marxe esquerda do antigo caixón de formigón. Posteriormente, retirarase a soleira inferior de 30 centímetros deste material, o que suporá a retirada total de entre 6.000 e 7.000 metros cúbicos de formigón.
Outra das novidades é a reordenación do parque infantil para nenos maiores, que se traslada máis preto da contorna do complexo deportivo de Campolongo. A previsión municipal é realizar unha recepción parcial do parque a finais deste mes para reabrilo con seguridade.
Nesa nova localización, retirarase a antiga herba sintética e substituirase por un pavimento de garbanciño de cuarzo branco moído, respondendo ás recomendacións sanitarias para evitar os axentes nocivos asociados aos pisos de caucho.











