Pontevedra defende o Peprica e non ten sobre a mesa realizar ningún cambio

PONTEVEDRA> Introducir cambios no Plan Especial de Protección e Reforma Interior e Conservación Artística, coñecido como Peprica, non entra nos plans do concello de Pontevedra. A pesares de que o ocio nocturno continúa a denunciar o goteo de peches de locais no Casco Histórico polas restricións da norma, o goberno local defende que a ordenanza permite que a zona vella pontevedresa sexa un referente. Pola súa banda, o Partido Socialista pide unha actualización do Peprica para evitar o declive do ocio nocturno na cidade.

O debate sobre a situación do ocio nocturno en Pontevedra volve estar de actualidade. O goberno local nega que exista calquera persecución contra os locais da Zona Vella pero recoñece que moitos tiveron que pechar, ben por non cumprir a normativa recollida no Plan Especial de Protección e Reforma Interior e Conservación Artística, o Peprica, ben porque as obras que son necesarias non se poden axustar a esta ordenanza.

O último en anunciar o seu peche foi o pub Patrimonio despois de 30 anos de actividade. Antes que el, pecharon as portas a Sala Karma, o pub Cielo, o Moma Music Hall ou o Dr. Livingstone Supongo. Así as cousas, o goberno local non ten sobre a mesa modificar o Peprica.

Si que son partidarios de modificar o Peprica os socialistas pontevedreses. Dende o PSOE aseguran que a norma precisa dunha actualización que permita a apertura de novos locais e evite o peche dos existentes, así como o declive do ocio nocturno na cidade.

Os socialistas propoñen que se estuden diferentes mecanismos, como a posibilidade de regular a instalación de locais mediante porcentaxes de uso por zonas ou rúas concretas.