Silva, sobre a súa ausencia no Parlamento para explicar os orzamentos da Deputación: ‘Non vou por principios’

PONTEVEDRA> A presidenta da Deputación de Pontevedra sae ao paso das críticas do Partido Popular e do BNG por non acudir ao Parlamento Galego a presentar os orzamentos da institución provincial. Carmela Silva asegura que non o fai por unha cuestión de principios, por defender a autonomía do mundo local.

Así explicaba a presidenta da Deputación de Pontevedra a súa decisión de non asistir ao Parlamento Galego a presentar os orzamentos provinciais. Carmela Silva saía hoxe ao paso das críticas de Partido Popular e BNG pola súa ausencia.

Silva referiuse á Constitución Española, que recolle os principios de autonomía e suficiencia financeira das entidades locais. Recordou, ademais, que non é algo obrigatorio.

A presidenta pontevedresa non asiste á Comisión Orzamentaria do Parlamento dende o ano 2017. Así as cousas, asegurou estar sorprendida polas críticas de populares e nacionalistas.

Silva si quixo matizar que, de comparecer, empregaría a súa intervención para presumir dos logros conseguidos na provincia de Pontevedra, comparando as súas contas coas da Deputación de Ourense.