O PSOE instará ao concello de Pontevedra a impulsar alternativas gratuítas de aparcadoiro para Montecelo

PONTEVEDRA> O Partido Socialista tamén reclama a gratuidade do aparcadoiro do Gran Montecelo. Alcaldes e voceiros da formación dos concellos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés reuníronse hoxe ás portas do actual hospital, acompañados da súa deputada Paloma Castro e do secretario provincial pontevedrés David Regades. Acusan á Xunta de querer implantar un negocio privado paralelo con este aparcadoiro de pago. Ademais, dende o PSOE de Pontevedra xa adiantaron que instarán ao goberno local a impulsar alternativas de estacionamento gratuíto.

O PSOE de Pontevedra volve esixir que o aparcadoiro do Gran Montecelo sexa público e gratuíto. Os socialistas recordaron que das 1.200 prazas que proxecta a Xunta de Galicia, 900 serán de pago.

Hoxe alcaldes e voceiros da formación dos concellos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés reuníronse ás portas do actual hospital, acompañados da súa deputada Paloma Castro e do secretario provincial pontevedrés David Regades.

Pola súa banda, os socialistas de Pontevedra darán un paso máis. Iván Puentes anunciou que levarán ao vindeiro pleno unha moción que, ademais de defender que o aparcadoiro non sexa de pago, inste ao goberno local a impulsar alternativas de estacionamento gratuíto, como ocorreu no concello de Vigo.

Os socialistas demandan tamén que se reforce a liña de transporte público en autobús, para optimizar a conectividade da cidade e do conxunto da área sanitaria con Montecelo.

Dende a formación animan tamén á cidadanía a participar na manifestación convocada en Santiago pola plataforma SOS Sanidade Pública, para demostrar a súa oposición aos plans da Xunta.