BOIRO> Os 97 traballadores e 27 usuarios da residencia de AMICOS en Boiro recibiron hoxe a segunda dose da vacina contra a covid. Conclúe deste xeito o proceso de vacinación no centro residencial da entidade que agarda agora comezar a inmunizar ó resto de usuarios dos centros de atención diurna.
Día feliz en AMICOS tras concluír o proceso de vacinación fronte á covid na residencia de Comoxo, en Boiro. Preto dun cento de traballadores e unha trintena de residentes recibiron esta mañá a segunda dose. Entre eles, usuarios como Alfonso e Carmen que amosaron a súa satisfacción polo feito de estar inmunizados e animaron a toda a cidadanía a seguir o seu exemplo.
Tras blindar a residencia, dende AMICOS agardan agora poder iniciar o proceso de vacinación noutros centros dependentes da entidade, como o centro de educación especial de Oleiros, en Ribeira, ou os servizos de inserción laboral.
A satisfacción por conseguir a inmunización de tódolos residentes é aínda máis especial se cabe, tendo en conta que o centro rexistrou un gromo de covid durante o pasado mes de abril con máis de trinta afectados. Afortunadamente todos conseguiron recuperarse e controláronse os contaxios grazas ás medidas de prevención.