Ribeira cede á Xunta os terreos de ‘Hesta Kurva’ onde se emprazará a futura residencia de maiores

RIBEIRA> Esta mañá a conselleira de Política Social, Fabiola García, e o alcalde, Manuel Ruíz, asinaban no salón de plenos do Concello o convenio de colaboración para a cesión da parcela na que se instalará a futura residencia pública de maiores.

En virtude do acordo, a Administración Local cederá os terreos nos que se asenta a antiga discoteca ‘Hesta Kurva’ para construír aí a futura infraestrutura.

Segundo explicou a propia titular de Política Social será a primeira que se constrúa a partir do novo modelo de coidados que se implantará en Galicia, cen por cen pública, e cun investimento duns dez millóns de euros. A nova residencia será de ámbito comarcal e contará cun máximo de cen prazas

Pola súa banda, o alcalde, Manuel Ruíz, volveu agradecer á Conselleira o trato que lle dá ó municipio, da que é natural, visible, segundo el, en numerosos investimentos, o último, o da nova residencia.

Técnicos da Xunta xa supervisaron os terreos e a vella estrutura da discoteca para analizar a mellor das opcións para a construción da futura residencia. A intención do Goberno Autonómico pasa porque poidan iniciarse xa os traballos ó longo do vindeiro ano 2022.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí