PONTEVEDRA> A de onte foi unha xornada de mobilizacións co gallo da folga xeral. En Pontevedra, o día pechou por todo o alto cunha manifestación masiva. Milleiros de persoas acudiron á convocatoria do Colectivo pola Vivenda de Pontevedra, a terceira da xornada. Unha mobilización que foi transversal e interxeracional, como apuntaron os seus organizadores.
As rúas do centro de Pontevedra paralizáronse ás 8 da tarde de onte para acoller a última manifestación do día de folga xeral: a convocada polo Colectivo pola Vivenda da cidade.
A multitude arrancou o percorrido dende a Praza da Ferrería. Milleiros de persoas sumáronse á mobilización que, ao igual que as dúas celebradas pola mañá, foi transversal e interxeracional.
Iso si, esta foi a única manifestación das tres celebradas onte na cidade que foi secundada de maneira unitaria por sindicatos e por diferentes colectivos sociais.
‘Non ao negocio da vivenda’ foi o lema que marcou o inicio da marcha. Seguíronlle berros como ‘O soldo enteiro vai para o caseiro’ ou ‘Fóra rentistas dos nosos barrios’.
Tras percorrer a rúa Joaquín Costa ata o Hospital Provincial, regresar por Benito Corbal e atravesar a Michelena, a marcha rematou na avenida Montero Ríos coa lectura do manifesto da mobilización.
O colofón dunha xornada de folga xeral e de mobilizacións históricas en Pontevedra.











