NOIA> A Garda Civil detivo a un veciño de Boiro como presunto autor dun delito de estafa telemática. A vítima denunciou o cobro irregular de máis de mil euros en concepto de apertura e xestión dun crédito que nunca chegou a recibir.
O equipo de estafas telemáticas da Garda Civil de Noia identificou a un veciño de Boiro como presunto autor dunha estafa cometida por internet. A investigación iniciouse a raíz dunha denuncia presentada pola vítima na localidade alacantina de Crivillente. Esta persoa declarou que solicitou un creto persoal a través de internet para o cal lle requirían un pago anticipado de máis de mil euros en concepto de apertura, comisión e xestión. O presunto estafador, que se facía pasar por representante dunha empresa financeira, quedou cos cartos sen proceder a conceder o crédito. A Garda Civil iniciou entón unha exhaustiva investigación que lle permitiu deter ó autor dos feitos a pesar da complexidade dos recursos tecnolóxicos utilizados para evitar ser localizado. Xa foi posto a disposición xudicial en Ribeira.
Noutra orde de cousas, os axentes da Garda Civil de Noia procederon tamén á detención do presunto autor dun roubo con forza cometido a mediados de novembro nun establecemento hostaleiro de Lousame. Ademais de subtraer diñeiro en metálico e lotaría, todo valorado en mil seiscentos euros, ocasionou importantes danos no local que ascenderon a mil douscentos euros. Foi posto a disposición do xulgado de garda de Noia.