Lousame aproba un crédito de 600 mil euros para actuacións de conservación e eficiencia enerxética

LOUSAME> O concello de Lousame investirá preto de 600 mil euros en obras de conservación do patrimonio e mellora da eficiencia enerxética na rede de alumeado de varios núcleos. Así o acordou o pleno coa aprobación da solicitude dun crédito ó Instituto Galego de Vivenda e Solo.

A proposta do grupo de goberno de solicitar un crédito de 597 mil euros ó Fondo de Cooperación para  rehabilitación e conservación do patrimonio convocado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo saíu adiante cos votos de PP e PSOE e a abstención do BNG. Trátase dun préstamo sen xuros a devolver nun prazo máximo de 8 anos que permitirá acometer varias actuacións de conservación así como de mellora da eficiencia enerxética.

Entre elas, as melloras dos lavadoiros de Lesende e de Meixonfrío así como a rehabilitación da igrexa de San Xoán de Lousame para as que o concello solicita o cen por cento do total dos proxectos. En canto á pavimentación do núcleo de Camboño, orzamentada en 210 mil euros, o concello solicitará financiamento para sufragar o 30 por cento que supón algo máis de sesenta mil euros.

Por último, actuarase na rede de alumeado público de Aldeagrande, Marracín e Tállara para reducir a contaminación lumínica e o consumo enerxético coa instalación de equipos máis eficientes. Para este proxecto, cun importe de 250 mil euros, solicitan un crédito próximo ós 38 mil euros que supón o 15 por cento do total.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí