O SALNÉS> O futuro da Mancomunidade do Salnés, no aire. O PP trata de recompoñer o organismo logo do pleno do pasado venres. O presidente comarcal, David Castro, acabou retirando da orde do día a proposta de orzamentos e os nomeamentos de José Aspérez como delegado de turismo, cun soldo que acabaría roldando os 35.000 euros; e de Sabela Fole como vicepresidenta. PSOE, BNG e Esquerda Unida fixeron fronte común denunciando que o PP está a rachar co consenso que sempre caracterizou á Mancomunidade.
Deste xeito, o presidente da Mancomunidade do Salnés retiraba da orde do día do pleno, a aprobación dos Orzamentos, o nomeamento de José Aspérez, de Meaño Independiente, como delegado de turismo e o nomeamento de Sabela Fole como vicepresidenta. E todo porque o PP quedou sen maioría pola ausencia do alcalde de Meaño e do novo representante dese concello, que aínda ten que tomar posesión. Co grupo en minoría PSOE, BNG e Esquerda Unida anunciaron que votarían en contra.
Outro dos puntos clave era o nomeamento de Aspérez como delegado de turismo, cunha dedicación parcial de 26.000 euros máis Seguridade Social, acadando os 35.000 euros brutos ao ano. De novo Cacabelos, o máis crítico.
O alcalde do Grove lembrou que a Mancomunidade nace da unión voluntaria dos nove concellos da comarca e que catro (en alusión aos do PP) non poden pretender impoñer o seu criterio aos cinco gobernados pola esquerda. Nesa liña, o presidente apelou tamén a ese espírito. E defendeu a proposta dos orzamentos.
Entre tanto, José Aspérez anunciou que desenvolverá as súas competencias como delegado de turismo, malia non ter contar co soldo pactado co PP. Iso si, matiza o de Meaño Independiente, ao non percibir ese salario dedicaralle menos tempo.











