CAMBADOS> Cambados pasa ao nivel alto de restricións. A partir do vindeiro luns, a hostalería da localidade só podera servir en terraza, cunha capacidade reducida ao 50%. Coa incidencia acumulada en aumento, o goberno local teme que a situación poida empeorar nos vindeiros días, cos datos que se poidan detectar no cribado do vindeiro domingo.
Con 38 casos activos, 8 máis ca onte, o Comité Clínico que asesora á Xunta propón que Cambados pase a nivel alto a partir do vindeiro luns. Unha noticia que non colle por sorpresa ao goberno local.
Deste xeito, o municipio queda a un paso do nivel máximo, que implicaría maiores restricións e o seu peche perimetral. Tino Cordal fai un chamamento a extrema-las precaucións para evitar ese escenario.
Pero o certo é que os datos poden empeorar en Cambados nas vindeiras xornadas, tendo en conta que do cribado que se vai facer o domingo poderían saír novos positivos.
As probas van ter lugar no pavillón de San Tomé, en horario de mañá e de tarde. No concello confían en que desta volta, a participación sexa máis ampla que nas probas organizadas a pasada semana.
Ademais, convida ao conxunto da veciñanza a participar no cribado masivo das farmacias, aberto a persoas de entre 12 e 64 anos.