PONTEVEDRA> Primeiro día de chuvias intensas este outono e primeiro día de asolagamento na rúa Padre Fernando Olmedo. A tromba de auga que caeu onte en Pontevedra deixou unha estampa xa coñecida na zona: garaxes e locais inundados e coches somerxidos na auga acumulada na rúa. Unha situación que desespera aos veciños, que reclaman reunións con Xunta e concello e que se axilicen as medidas a tomar.
Onte en Pontevedra as intensas precipitacións descargaron máis de 51 litros de auga por metro cadrado en doce horas. Unha chuvia que anegou a rúa Padre Fernando Olmedo e a súa contorna.
A imaxe xa é coñecida e temida polos veciños: garaxes e locais inundados e coches e colectores parcialmente somerxidos. En pouco tempo nalgúns puntos desta rúa a auga acumulada acadou os 60 centímetros de altura.
Refírense os veciños ás actuacións comprometidas tanto polo concello como por Augas de Galicia para paliar estes asolagamentos. No caso da administración local, destaca a instalación dun novo colector de pluviais en José Malvar. No da Xunta, a construción das balsas inundables en Valdecorvos e a actuación na canalización que transcorre por debaixo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Os veciños esixen datas concretas para as obras e o compromiso por escrito para dar solución a un problema que arrastran dende hai medio século. Reclaman a visita do novo conselleiro de Medio Ambiente, Nicolás Vázquez, e do presidente de Augas de Galicia, Roi Fernández. Tamén do alcalde pontevedrés.











