PONTEVEDRA> Costas frea a continuación do paseo peonil a Marín. O goberno comunicou ao concello de Pontevedra un cambio de criterio, que faría inviable as seguintes fases desta actuación. Segundo explicou o edil de Ordenación do Territorio, o que non gusta é que o segundo treito invada a lámina de auga. César Mosquera recordou que este paseo é un dos compromisos adquiridos polo Goberno de Pedro Sánchez no pacto de investidura co BNG, polo que están dispostos a facer a presión política necesaria para que sexa unha realidade.
O remate do paseo peonil a Marín non entra nos plans dos novos dirixentes de Costas. Así llelo trasladou onte a directora xeral do organismo ao concello de Pontevedra no encontro que celebraron na cidade.
A decisión sorprendeu ao goberno local. Hoxe Mosquera recordaba que a obra fora autorizada e mesmo licitada, incluíndose nos orzamentos do Estado. Tamén que o proxecto está incluído no pacto de investidura de Pedro Sánchez co BNG.
A pesares deste posicionamento, dende o goberno local confían en que finalmente o paseo sexa unha realidade na súa totalidade. Están dispostos, segundo Mosquera, a recorrer á presión política e social.
Este segundo treito do paseo, que uniría o nó de Mollavao coa pasarela das mariscadoras nos Praceres, foi paralizado despois de que os técnicos de Costas detectaran varios problemas. Antes chegou a estar recollido nos orzamentos xerais do Estado de 2022 cunha partida de 1,7 millóns de euros.











