Os alcaldes do Eixo Atlántico deseñan as cidades post-Covid e reclaman formar parte do plan de reestruturación

PONTEVEDRA> O Teatro Principal de Pontevedra acolleu hoxe a primeira conferencia de alcaldes post-Covid19. Unha conferencia organizada polo Eixo Atlántico e na que estiveron presentes diferentes expertos internacionais. O obxectivo do encontro era deseñar o futuro das cidades tras a pandemia.

Pontevedra converteuse hoxe no escenario da primeira conferencia de alcaldes post-Covid19. Un encontro organizado polo Eixo Atlántico e no que o principal obxectivo era marcar as liñas de como serán as cidades tras esta pandemia. Unha nova etapa na que os poderes locais teñan maior capacidade de intervención.

Entre as propostas que hoxe se puxeron sobre a mesa destaca, sobre todo, a innovación e dixitalización, porque sen dúbida nesta era post-Covid19 será fundamental investir en I+D+I .

Os Concellos queren xogar un papel fundamental na etapa post-Covid19. Por iso, esixen formar parte do plan de reestruturación.

Unha das liñas principais de traballo deste Eixo Atlántico será tamén promover unha maior cohesión entre Galicia e o norte de Portugal, apostando pola competitividade da eurorrexión así como polas políticas de economía circular.