PONTEVEDRA> O PSOE de Pontevedra quere poñer o foco na atención das persoas sen fogar que viven nas rúas da cidade. A formación levará ao vindeiro pleno unha moción cun dobre obxectivo: a creación dun albergue municipal e a activación do programa Housing First, que pon a disposición de persoas en situación de senfogarismo crónico vivendas normalizadas con acompañamento social intensivo. Segundo Cruz Vermella, no 2024 eran 253 as persoas sen fogar na capital pontevedresa.
A creación dun albergue municipal en Pontevedra é unha das demandas que o Partido Socialista levará ao vindeiro pleno. A formación considera que carecer destas instalacións limita a reacción do concello en situacións de emerxencia social e impide ofrecer unha atención digna ás persoas sen fogar.
Segundo datos de Cruz Vermella, no 2024 unhas 235 persoas sen fogar foron atendidas en Pontevedra. Pola súa banda, a media diaria de ocupación do albergue de San Javier, xestionado por Cáritas e que conta con 27 prazas, situouse en máis dun 96% no 2025. Unha situación que, para os socialistas, merece a implicación de todas as administracións.
Os socialistas confían en que a proposta consiga o apoio de BNG e PP no pleno. Sobre os populares, Puentes lamentou que asuman discursos que criminalizan ás persoas sen fogar.
De xeito complementario, o PSOE pide ao concello que estude a implantación do programa Housing First. Unha iniciativa destinada a intervir nos casos de persoas en situación de senfogarismo crónico mediante a posta a disposición de vivenda normalizada con acompañamento social intensivo. Aseguran que este modelo foi testado con éxito en cidades como A Coruña, Pamplona ou Santa Cruz de Tenerife.











