Traballadores do Quirónsalud de Pontevedra mobilízanse contra os despedimentos e o peche da UCI

PONTEVEDRA> Primeira protesta dos traballadores do hospital Quirónsalud Miguel Domínguez de Pontevedra contra os recortes. Hoxe concentráronse ás portas do centro para denunciar a decisión de pechar a Unidade de Coidados Intensivos e de despedir a oito membros do persoal doutros servizos. O calendario de mobilizacións continuará ata que os traballadores sexan recibidos polos responsables do Grupo QuirónSalud de Madrid.

Os traballadores do Hospital Quirónsalud Miguel Domínguez de Pontevedra celebraron esta mañá a primeira das súas anunciadas mobilizacións. Protestan contra a decisión de pechar a UCI do centro e de despedir a oito persoas.

Denuncian a xestión que se está a facer deste hospital e consideran que todas as decisións van dirixidas a empeorar a atención ao paciente.

Por iso teñen previsto un calendario de mobilizacións, con máis concentracións ás portas do hospital. Ademais, o vindeiro martes 18 de febreiro teñen previsto facelo ante o novo centro médico de Quirónsalud situado na rúa San Pedro Alcántara.

Dende o comité son moi críticos coa dirección do centro pontevedrés. Tanto é así que aseguran que manterán as mobilizacións ata que sexan recibidos polos máximos dirixentes do grupo no Estado.

Na mobilización de hoxe participaron ao redor de medio cento de traballadores.