Os traballadores de ENCE protestarán durante o pregón das Festas da Peregrina

PONTEVEDRA> Os traballadores de ENCE anuncian máis mobilizacións contra o peche da pasteira en Lourizán. Esta mañá, o comité de empresa de oficinas anunciou que xa teñen data para a seguinte protesta: será durante o pregón das Festas da Peregrina, o vindeiro 7 de agosto. Ademais, están a traballar na elaboración dun manifesto que consiga apoios de diferentes colectivos e administracións para entregar no Tribunal Supremo e apoiar o recurso de casación que presentarán contra a sentenza da Audiencia Nacional.

Día 7 de agosto, durante a lectura do pregón das Festas da Peregrina. Esta é a data escollida polo comité de empresa de oficinas de ENCE para a súa nova mobilización.

Será a primeira de moitas. Os traballadores advirten que están a preparar un calendario de mobilizacións contra a sentenza da Audiencia Nacional. E agardan que esta vez si, sexa en conxunto con toda a plantilla, incluído o comité de fábrica presidido pola CIG.

A mobilización dos traballadores é, segundo o secretario de organización de Comisións Obreiras, unha das respostas á anulación da prórroga. A outra ten que vir do lado social, coa constitución da Plataforma Galega de ENCE en Lourizán. Agardan poder formalizala en tres semanas para comezar coa redacción dun manifesto asinado por colectivos e institucións.

O sindicato tamén ten como obxectivo celebrar unha manifestación multitudinaria o 8 de outubro, coincidindo co pronunciamento do Supremo sobre o recurso contra a sentenza da Audiencia Nacional. A vindeira semana a súa intención é volver mobilizarse, desta volta en Madrid.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí