Pontevedra terá dúas novas liñas de transporte urbano en xuño

PONTEVEDRA> Pontevedra estreará transporte urbano en xuño. Así o anunciou hoxe o goberno local. En total serán dúas as liñas que entrarán en funcionamento e que pasarán por barrios como o de Monte Porreiro ou Campolongo.

1 de xuño. Esa é a data que se marca o goberno local de Pontevedra para a entrada en funcionamento do transporte urbano. A comisión de Mobilidade aprobou hoxe o convenio entre o Concello e a Xunta de Galicia e este será ratificado no Pleno municipal do vindeiro luns.

O sistema de transporte urbano contará con dúas liñas circulares. A verde percorrerá o trazado Monte Porreiro, A Xunqueira e as estacións de autobús e ferrocarril. Pola súa banda, a liña azul arrancará na Praza de Galicia, irá ata Montecelo e rematará en Monte Porreiro. A frecuencia será de media hora e o que queda agora por determinar é o custo de cada viaxe. O único que está claro é que o prezo será inferior a un euro.

Para facer fronte a este servizo, o Concello de Pontevedra aportará uns 146.000 euros anuais. Ademais, cabe destacar que a Xunta de Galicia comprometeuse tamén a colaborar na posta en marcha do transporte a demanda.