RIBEIRA> A conselleira do Mar, Rosa Quintana acudiu esta mañá á lonxa de Ribeira para coñecer as melloras realizadas nas instalacións grazas á convocatoria de axudas do ano pasado, entre as que se incluíu a adquisición dunha nova máquina de lavado das caixas de peixe, que contou cunha axuda de 236 mil euros.
Acompañada do alcalde, Manuel Ruíz, o patrón maior, José Antonio Pérez, e o xerente da lonxa, Fernando Carreira, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, coñeceu o funcionamento da máquina de lavado das caixas de peixe coa que conta a rula ribeirense. A súa compra, por un valor duns 236 mil euros, foi posible grazas á convocatoria de axudas da Xunta de Galicia do pasado ano, dentro da orde de proxectos de mellora de infraestruturas portuarias.
Precisamente, a titular de Mar aproveitou a visita á lonxa ribeirense para anunciar unha nova liña destas axudas por un importe total de 2,5 millóns de euros para este ano, das que xa se aprobaron uns 55 proxectos presentados polas confrarías de pescadores de cara a modernización das súas instalacións.
A lonxa ribeirense ten presentado tamén varios proxectos, na súa maioría relacionados coa eficiencia enerxética das instalacións.
Entre os proxectos máis importantes dos aprobados para esta anualidade figura tamén a mellora dos sistemas de varada das embarcacións de pesca artesanal no peirao de Porto do Son, con preto de 308 mil euros.