Adolfo Muíños solicita a Portos melloras na zona portuaria rianxeira

RIANXO> O alcalde de Rianxo solicítalle a Portos de Galicia a mellora do firme e o adecentamento da zona portuaria existente a carón da gasolineira, hoxe en mal estado. Tamén lle demanda a cesión da titularidade da parcela existente a carón do auditorio. Unha reclamación de antigo do executivo rianxeiro.

Trátase dunha obra pendente e xa comprometida, o reasfaltado do firme da zona portuaria e o adecentamento da rotonda existente a carón da gasolineira. Unha actuación que o alcalde, Adolfo Muíños, lle recordou á nova presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas.

O rexedor rianxeiro tamén lle demandou a cesión da parcela de titularidade de Portos existente a carón do auditorio. Unha vella reclamación do executivo rianxeiro para destinala a uso social.

Muíños tamén lle trasladou o malestar polas dificultades que pon Portos a poder embarcar en catamaráns nas zonas portuarias, obrigando a empregar as instalacións privadas do Náutico ou mesmo desprazarse por estrada a outros portos da comarca para facelo. Algo que non entenden dende o Concello.