Óscar Rial será o candidato do PSOE á alcaldía de Rianxo

RIANXO> A maioría dos partidos traballan xa coa mente posta nos vindeiros comicios municipais de maio. É o caso do Partido Socialista de Rianxo, que esta pasada fin de semana celebrou asemblea na que se elixiu ó que será o seu candidato á alcaldía.

Trala renuncia de Mari Carme Figueira, actual tenente de alcalde, a volver a encabezar a lista dos socialistas, a militancia decidiu escoller a Óscar Rial.

Licenciado en INEF e director da piscina municipal, Rial dá o salto á escena política, á que ata o de agora era alleo.

Na xuntanza o candidato socialista explicou á militancia e veciños en xeral que acudiron ó acto, as bases do seu proxecto, tanto para a xestión municipal como para a organización do partido.

A súa intención pasa por reorganizar a formación a nivel local, dándolle maior visibilidade na vida pública, para tratar de dar unha resposta efectiva ás principais demandas da veciñanza.

Rial e o seu equipo mostráronse ilusionados ante esta nova etapa, na que agardan poder recuperar a alcaldía de Rianxo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí