A Deputación da Coruña dobre o investimento do PEL-Concellos para 2021

BARBANZA> A Deputación da Coruña duplicará en 2021 o investimento no programa PEL Concellos. Cun orzamento de 6 millóns de euros contribuirá á creación de preto de 900 empregos en toda a provincia.

A Deputación da Coruña acaba de publicar as bases do plan PEL-Concellos que duplica o orzamento con respecto a anteriores convocatorias. Pasa de tres a seis millóns de euros cos que contribuirá a crear ó redor de novecentos postos de traballo nos 82 concellos coruñeses de menos de 20 mil habitantes. Trátase dunha medida extraordinaria para axudar a xerar emprego e paliar as consecuencias derivadas da crise económica e sanitaria.

Destaca ademais o carácter social desta liña de axudas posto que primará a contratación de persoas pertencentes a colectivos en risco de exclusión ou con dificultades para acceder ó mercado laboral. Establécense criterios que beneficien a maiores de 45 anos, mulleres, parados de longa duración ou membros de unidades familiares con tódolos compoñentes en paro,  persoas con discapacidade ou vítimas de violencia de xénero.

Os importes da subvención asignada  acada municipio varían en función da porcentaxe de persoas desempregadas en cada un dos concellos, oscilando as contía entre os 38 mil e os 104 mil euros. No Barbanza, Boiro, Rianxo, Pobra e Noia recibirán o importe máximo. Porto do Son e Muros contarán cunha axuda de 92 mil mentres que Outes recibirá 74 mil  Lousame 62 mil.

Ademais de financiar os custos salariais e da seguridade social das novas contratacións, os concellos poderán investir parte das axudas nos cursos de formación en materia de riscos laborais que deben realizar os novos empregados, tal e como establece a lexislación laboral. Os contratos deberán ser dunha xornada mínima semanal de 25 horas e poderán formalizarse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021.

Os operarios realizarán servizos municipais como recollida e tratamento de residuos, limpeza de rías e espazos públicos, mellora nos accesos ós núcleos de poboación e pavimentación de camiños e tarefas de mantemento en centros educativos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí