A prisión o presunto autor da última vaga de roubos na Pobra

A POBRA> A Garda Civil detivo ó presunto autor de alomenos sete roubos, algún deles con forza, cometidos nas últimas semanas na Pobra do Caramiñal. Trátase dun veciño de Rianxo que xa ingresou en prisión.

O labor policial das últimas semanas permitiu deter a un rianxeiro como presunto autor dun total de cinco delitos de roubo e dous de furto. Foi no marco da operación Virutas. As investigación iniciáronse a raíz da sucesión de varios roubos, algún deles con violencia acontecidos nas últimas semanas na Pobra, que mesmo estaban a xerar unha gran alarma social entre a poboación. Dous destes roubos foron cometidos polo método do tirón, e as vítimas,  mulleres de avanzada idade ás que sorprendía en plena rúa ou no interior do portal do edificio e lles arrebataba o bolso. Ó prendido, acúsaselle tamén da presunta autoría doutros roubos, un deles no interior dun vehículo e o outro nunha vivenda, da que se levou unha serie de obxectos por valor duns tres mil euros. A Garda Civil puido recuperar parte do material roubado, que xa lle foi devolto ós seus lexítimos propietarios. Despois de pasar a disposición xudicial no Xulgado de Instrución nº 3 de Ribeira, este decretou o seu ingreso en prisión sen fianza.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí