BARBANZA> As distintas plataformas de pensionistas existentes na comarca do Barbanza fan unha chamada á reflexión sobre o sentido do voto nas eleccións deste próximo domingo. Os xubilados temen que saian elixidos os partidos que menos defenden as súas reivindicacións que pasan, fundamentalmente, polo mantemento do actual sistema público de pensións.
Para as plataformas de pensionistas do Barbanza esixencias como a subida das pensións mínimas, a súa revalorización anual conforme o IPC, a súa blindaxe na Constitución ou a garantía de sustentabilidade do actual sistema público de pensións, demandas todas elas polas que veñen pelexando dende hai máis dun ano na rúa, poderían verse incumpridas de saír algunha das opcións que se postulan para formar o novo goberno do Estado a partir deste próximo domingo. De aí que fagan unha chamada á reflexión á veciñanza para que elixan a aqueles partidos que non prexudiquen os seus intereses.
Aínda así, e a pesar do que aconteza a partir do 28 de abril, din que seguirán na rúa. Facendo unha chamada á participación na mobilización de carácter comarcal que se celebrará o día 11 de maio ás doce da mañá en Ribeira que coincidirá coas convocatorias realizadas dende o resto de plataformas a nivel nacional.