BOIRO> O Club Natación Boiro empeza a voar en solitario. Tras varias tempadas fusionado co club ribeirense, este ano competirá de xeito independente. Os resultados do último ano avalan a traxectoria do equipo boirense.
Na actualidade, o club natación Boiro conta con sesenta e cinco licenzas federativas en diferentes categorías. Na de promesas pode presumir do título de subcampións galegos, noveno posto autonómico en benxamíns e un campión galego en alevíns.
A actual tempada pinta igual de optimista que ata o de agora posto que na primeira xornada de liga de alevíns disputada a pasada fin de semana varios nadadores acadaron marcas mínimas para acceder ó campionato galego. Entre os principais retos de futuro do club destaca a creación dunha sección de triatlón na que xa están a traballar.
O alcalde quixo agradecer a implicación do club pero sobre todo dos deportistas e as súas familias que contribúen ós éxitos deportivos de Boiro. Xoán Xosé Dieste anunciou ademais as actuacións que se van acometer na piscina municipal, na que non se puido obrar en dez anos polo conflito xudicial coa construtora.