Fin o desbloqueo do PXOM de Rianxo co informe favorable de Costas

RIANXO> Despois dunha longa espera e intensas xestións administrativas, o Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de dar luz verde ó documento urbanístico presentado polo Concello.

Este informe sectorial era un dos atrancos máis complexos de superar debido á enorme extensión de litoral coa que conta o municipio rianxeiro.

En palabras do propio alcalde, Julián Bustelo, trátase dunha das novas máis agardadas polo goberno local e tamén pola veciñanza.

Segundo explicou o propio rexedor o Plan Xeral permitiralle ó Concello deixar atrás unhas normas subsidiarias obsoletas e dotar o municipio dunha ferramenta moderna.

O novo planeamento busca ordenar o crecemento residencial, protexer o patrimonio natural e costeiro, e ofrecer seguridade xurídica tanto ós veciños como ás empresas que queiran investir na vila.

Unha vez superado este trámite estatal, o expediente entra agora na súa recta final. O Concello continuará cos pasos administrativos pertinentes ante a Xunta de Galicia co obxectivo de acadar a súa aprobación definitiva no menor prazo de tempo posible.